Saturday 11 de May de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 31 de xaneiro unha exposición fotográfica da primeira edición da Festa da Froita


A sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame acolle ata o vindeiro 31 de xaneiro unha exposición fotográfica sobre a primeira edición da Festa da Froita, así como da cuarta edición da ruta “Camiño do Mercado”. Dous eventos organizados o pasado mes de agosto polo Concello de Lousame, en colaboración coa asociación + de 3, a Uned Senior de Lousame e a asociación deportiva e cultural Senda XXI.

A exposición está organizada polo servizo de voluntariado lousamiá e recolle un total de 35 fotografías realizadas por dous fotógrafos locais, Iago Insua e Lisardo Vilar, así como pola rusa Iuliia Bautdinova, unha das dúas voluntarias europeas que participan no Proxecto de Voluntariado Europeo do Concello de Lousame. Primeiros planos das persoas participantes, escenas ou incluso imaxes aéreas compoñen esta mostra, que se completa cunha selección de imaxes do propio Concello de Lousame.

A exposición fai un percorrido tanto polos máis de cincuenta postos de produtores ecolóxicos e artesáns da comarca que participaron na Festa da Froita, como polas distintas actuacións que tiveron lugar na ruta de sendeirismo “Camiño do mercado”, na que participaron máis de duascentas persoas. Unha ruta amenizada por cinco escenas teatrais que sorprendían aos camiñantes e que foron interpretadas tanto por actores e actrices de grupos de teatro da comarca, como por membros de Senda XXI e incluso un grupo de rapaces e rapazas da asociación Misela, entidade que promove o desenvolvemento persoal e social das persoas con discapacidade.